O número de participantes foi estimado en 1,5 millóns de persoas segundo a Garda Urbana e o Departamento de Interior, e 2 millóns segundo os organizadores, malia que a delegación do Goberno estimou a cifra en 600.000.[2] O centro da cidade estivo ateigado durante horas, e temeuse que a grande afluencia de persoas puidese colapsar a rede de telefonía móbil.[3][4] Moitos xornais e outras axencias de noticias describírona como unha "histórica" demostración, e considerárona como a meirande manifestación que se celebrou en Cataluña dende a restauración da democracia en España,[5][6][7][8] superando outras grandes manifestacións como a do 10 de xullo de 2010, na que participaron un millón de persoas.[9]